Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello Ribadeo

APROBARASE O PAGO DE VARIAS FACTURAS A SOGAMA

Pleno, hoxe

08/11/2016

O IBI non subirá en Ribadeo. Así o subliñu o alcalde, Fernando Suárez, horas antes da celebración do pleno ordinario desta tarde. Na sesión abordaranse varios asuntos de índole económica.

Esta tarde celébrase pleno ordinario no Concello de Ribadeo con varios asuntos de índole económica enriba da mesa: o prazo medio de pago a provedores, o pago de 200.000 euros en facturas a Sogama ou o IBI. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que o Imposto de Bens Inmobles non subirá nada en Ribadeo. 

O rexedor explicou que "este pleno ordinario vai tratar, sobre todo, da gobernanza, das contas municipais, de seguir adoptando acordos para que a economía municipal siga indo paseniño por este vieiro de estabilidade, de crecemento pouco a pouco que estamos realizando ao longo destes últimos anos aquí en Ribadeo. De aí que, ademais de dar conta dos períodos medios de pagamento de facturas trimestrais, que para a época que trata que é a do terceiro trimestre deste 2016 superou un chisquiño o límite dos 30 días, concretamente chegamos aos 31 días, un día máis do que ven sendo habitual, debido ás vacacións do persoal deses departamentos económicos".

Suárez Barcia dixo: "pero entendemos que o máis importante que trataremos é que en función dos acordos co superávit que tivemos da liquidación do último exercicio económico levamos a este pleno o acordo de aprobar as obrigas pendentes de pago, sobre todo de facturas de Sogama, desta empresa pública da Xunta de Galicia que tiñamos pendentes de aprobar por un importe grande, de aproximadamente 200.000 euros". O alcalde lembrou que "este Concello de Ribadeo e outros moitos discrepabamos da suba unilateral que a Xunta aplicou ao prezo da tonelada de residuos que nos recollen. Finalmente varios Concellos de Ourense e de Lugo interpuxemos ao Tribunal Constitucional unha queixa, pero non foi admitida a trámite. Nós intentamos defender os intereses municipais ata o final, non puido ser e agora non queda outro remedio que aprobar aquelas facturas pendentes e é do que se trata".

Fernando Suárez indicou: "e a outra parte restante deste superávit, aproximadamente 250.000 euros, tería que ir para a amortización da totalidade dun crédito que temos desde hai varios anos. Neste caso o capital vivo pendente aínda era superior, 310.000 euros, polo que incluso agora amortizamos mais do requirido legalmente".

O alcalde tamén aludiu ao IBI: "un tema económico que está de actualidade tanto neste como noutros Concellos. No caso do Imposto de Bens Inmobles, sobre todo na súa natureza urbana, propoñemos adaptar á realidade actual as bonificacións para as familias numerosas, dado que na ordenanza vixente estaba moi desfasada tanto en valores catastrais como en tipoloxía das familias numerosas. Así como tamén, en función dun debate noutro pleno anterior, imos propoñer a bonificación do 90% da cota íntegra no imposto para as actividades agrícolas (estabulación, cuadras, etc), a excepción da vivenda habitual que se atopen tributando en solo urbano".

O rexedor subliñou: "ao mesmo tempo quero dicir ben clariño que apostamos por manter os tipos do IBI, é dicir non subimos nada. Hai algúns portavoces municipais, incluso algúns alleos á Corporación, que andan a dicir por aí nos medios de comunicación que imos incrementar este imposto. É mais, si o goberno do Estado, recén constituído neste días decide legalmente aprobar a suba de valores catastrais, tanto para este Concello como para outros moitos, desde o goberno municipal de Ribadeo temos marxe de tempo para compensar esta hipotética suba deses valores catastrais a través da nosa baixada de tipos, para así compensar unha coa outra. Esta é a realidade do que se vai facer e non outra, para que quede ben claro".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo