Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto pleno cronista

ACORDO TOMADO POR UNANIMIDADE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL

Cronista oficial de Ribadeo

23/07/2016

A Casa do Concello acolleu este mediodía o acto de entrega do título de cronista oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez Fernández, acordo adoptado o pasado 30 de maio en pleno por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal. Acto solemne, no que non faltou o son da gaita, así se desenvolveu a sesión plenaria extraordinaria na que interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.

O rexedor destacou "a paixón polo traballo, a honestidade e a honradez na xestión da cousa pública e o orgullo de sentírmonos galegos e ribadenses", despois de lembrar como coñeceu a Eduardo Gutiérrez Fernández e de aludir "á súa capacidade oratoria oculta, ás veces algo mordaz, pero atinada; con aquela determinación por conseguir o mellor para o seu pobo".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, fixo no seu discurso unha semblanza de Eduardo Gutiérrez, que remataba así: "….Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo".

Eduardo Gutiérrez Fernández tomou a palabra para agradecerlle "ao Sr.Alcalde e á Corporación pola distinción que me fan. Un agradecemento no que debo subliñar o traballo do relator do expediente, o concelleiro de Cultura, Sr.Graña". Na súa intervención sinalou: "sei que asumo unha importante responsabilidade, por tratarse do primeiro cronista oficial de Ribadeo. De todos os que saiban e queiran, requirirei a súa axuda e a todos ofrezo a miña, se de algo lles pode servir …" . E rematou: "pensei demoradamente na frase final deste parlamento, pero logo decidín optar por unha cita dunha das nosas grandes figuras. Señoras e señores, compañeiros e amigos: que a fogueira do espírito siga quentando as nosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".

Á conclusión da sesión plenaria extraordinaria a Corporación Municipal pousou para a foto a carón do cronista oficial de Ribadeo. 

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo