Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto urbanizacion

HABERÁ UNHA ROTONDA ENTRE FRANCISCO LANZA E ALFREDO DEAÑO

Residencia de maiores

03/06/2016

Ribadeo afronta a última fase de construción da residencia de maiores. O Concello procederá en breve a licitar o equipamento do centro, segundo anunciou hoxe o alcalde, Fernando Suárez. Estes días trabállase na urbanización do entorno.

O rexedor explicou que "nestes días estamos iniciando a urbanización do entorno, tal como estaba previsto no proxecto de construción da residencia de maiores. Aproveitaremos para darlle un cambio importante tanto a rúa Francisco Lanza como á rúa Alfredo Deaño coa construción dunha rotonda que normalice unha situación de tráfico moi forzada desde hai moitísimos anos".

Fernando Suárez manifestou que "no seo da comisión a favor da residencia, esta comisión que formamos todos os grupos da Corporación e tamén os representantes da asociacións de veciños, todos os grupos da Corporación agás do Partido Popular de Ribadeo, que hai uns meses desgraciadamente decidiu auto excluírse desta comisión unánime, que estamos traballando no asunto da residencia desde hai moito tempo. Nesa comisión decidimos que este edificio anexo que quedaba de antigas vivendas dos profesores que aínda quedaba en pé, era mellor proceder á súa demolición para gañar máis espazo verde, para gañar máis superficie para que os usuarios ou residentes que vaian á nova residencia de Ribadeo teñan máis superficie para pasear e estar por alí". O alcalde indicou que "desde o Concello de Ribadeo estamos iniciando os trámites de redacción do proxecto de demolición que enseguida sairá a licitación pública".

Suárez Barcia asegurou que "as obras seguen a bo ritmo e debemos salientar tamén e foi un punto que tratamos tamén na comisión de seguimento, que o Concello de Ribadeo está iniciando os trámites para concertar a operación de préstamo que tiñamos prevista no orzamento municipal do 2016 en previsión da situación que se está dando. Aínda que a Xunta nunca nos axudou nin quixo poñer un céntimo nesta residencia si que sempre encontramos compromiso na Deputación Provincial de Lugo e incluso nesta última volta que se comprometeron a consignar o que a Xunta non consignaba é dicir os 500.000 euros pendentes".

O alcalde de Ribadeo engadiu que "amentablemente nesta situación de incerteza absoluta na que está na Deputación desde hai meses, onde non dan aprobado os orzamentos para este ano, nos vimos na obriga de continuar nosoutros a residencia con fondos municipais e iniciando esta operación de préstamo. Se a situación da Deputación se normaliza e lle volve o sentidiño a todo o mundo e se aproban os orzamentos como en calquera administración deben estar aprobados os orzamentos no seu propio ano correspondente, cancelaríase o préstamo e non habería ningún problema. Senón o Concello cos seus fondos propios evitará que se paralice a construción e o equipamento de toda a residencia, de aí que sexa necesaria esta nova operación de creto. Pero nunca choveu que non parara e a realidade é que a residencia de maiores está indo moi ben, está encarando a súa fase final de construción. Agora queda a urbanización e queda licitar o equipamento, é dicir as camas, as cadeiras, as mesas, etc…, todo o equipamento que tamén dentro de pouco procederemos a licitar".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo