Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto As Catedrais

APROBOUSE UNHA DECLARACIÓN DE APOIO A ALCOA

Acordos plenarios

31/05/2016

O Concello solicitará á Deputación a cesión de varios viarios de titularidade provincial do entorno da praia das Catedrais. Este foi un dos acordos adoptados no pleno ordinario celebrado onte luns, no que tamén se acordou tratar durante este ano 2016 unha baixada do IBI para as vivendas vinculadas a explotacións agrícolas. Na sesión extraordinaria, que houbo antes, aprobouse por unanimidade o expediente para a concesión do título de Cronista Oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez.

O alcalde, Fernando Suárez,  destacou "a unanimidade que houbo en ambos os dous plenos no extraordinario no que se designou a Eduardo Gutiérrez como Cronista Oficial de Ribadeo, a falta agora doutro pleno onde de maneira formal e solemne se lle faga entrega da acreditación para tal mérito. Destacar como digo o compromiso de toda a Corporación, de todos os grupos, como sempre digo aínda sendo diferentes en aspectos importantes como penso que tamén foi este, todos demos unha idea de unanimidade ao Concello".

O rexedor explicou que "no que ten que ver co pleno ordinario moitos dos puntos eran referidos a dacións de contas sobre os períodos medios de pago e as liquidacións do orzamento xeral do exercicio 2015. Dentro do período medio de pago aos provedores previsto no real decreto 635/2014 cumprimos, estamos dentro dos parámetros que se esixen aos concellos. E este recoñecemento extraxudicial de creto ten que ver con facturas que os provedores presentaron en ano natural diferente ao que deberían. Non é culpa do Concello senón deses provedores que, estando advertidos de que deben presentar as súas facturas antes do 31 de decembro de cada ano, fano no ano seguinte e iso xera un trastorno na contabilidade que é necesario resolver como fixemos neste pleno".

O alcalde ribadense relatou que "outro punto de interese foi aprobado, non por unanimidade pero practicamente con dúas abstencións, o que ten que ver coa petición á Deputación Provincial da cesión de viarios de titularidade provincial na zona das Catedrais. Hai que ter en conta que o Concello está na redacción dun plan especial de todo ese entorno, e o equipo redactor técnico suxire que debe ser o Concello quen de maneira determinante xestione todo ese ámbito no que hai moitísimas administracións, que moitas veces no ámbito das súas competencias chegan a contradicirse entre si".

Fernando Suárez contou que "foi tamén adiante a estimación parcial dunha alegación contra aquela modificación da ordenanza medioambiental para que os cans puidesen frecuentar espazos públicos habilitados para tal fin. Mantemos a esencia do que aprobamos no pleno anterior, pero limitándoo á época estival que é cando realmente pode haber máis problemas porque no resto do ano non detectamos ningún problema porque alguén vaia co seu can pasear por calquera praia".

O rexedor manifestou que "no que ten que ver coas mocións, houbo unha moción inicial do PSOE que expuña unha serie de revisións do IBI para o futuro. Ao noso xuízo criamos un pouco vago e un pouco indefinido ese plantexamento e que non se adaptaba á lexislación vixente. Por parte do goberno propuxémoslle ao concelleiro do PSOE unha proposta de emenda que foi secundada por ese concelleiro e tamén polos demais grupos da Corporación. Acordamos todos por unanimidade tratar neste mesmo ano a modificación da ordenanza do IBI para a redución da carga impositiva dos edificios vinculados ás explotacións agrogandeiras, dentro da capacidade estrita que a lei permite, singularmente e unicamente aqueles que estean de alta. Tamén aprobamos tratar o compromiso de inclusión ou de revisión da ordenanza fiscal doutras bonificacións potestativas que tamén están recollidas na lei de facendas locais como as relativas ao aforro enerxético ou tamén a familias numerosas".

Suárez Barcia engadiu que "tamén aprobamos unha declaración institucional sobre o apoio unánime do Concello de Ribadeo aos traballadores e traballadoras da planta de aluminio en San Cibrao, pola súa incerteza nestes últimos tempos sobre unha posible venda desa multinacional americana a non se sabe moi ben quen e as consecuencias que iso pode ter".

Finalmente o rexedor concluíu sinalando que "houbo unha serie de rogos e preguntas feitos pola oposición que intentamos sempre cumprir na medida do que podemos, como máis papeleiras ou algunha fonte que se pediu nova e intentaremos ir cumprindo nas seguintes semanas".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo