Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto xente Catedrais

O PUNTO DE INFORMACIÓN DAS CATEDRAIS ABRIRÁ DO 19 AO 27

Contratacións

02/03/2016

O Concello contratará a tres informadores/as turístic@s para a praia das Catedrais e a tres operarios de medio ambiente que se ocuparán de limpar os aseos do areal e de cobrar pola súa utilización. Comezarán a traballar a vindeira Semana Santa.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, sinalou que "o Concello de Ribadeo, dentro do plan de reforzo de persoal vinculado a actividades turísticas e ambientais e tamén como temos aí a Semana Santa xa á porta, acabamos de convocar unha serie de prazas para atender fundamentalmente á praia das Catedrais tanto na información turística así como na atención, uso e limpeza dos baños  do areal. Polo tanto está aberta a convocatoria para tres operarios ou operarias para o servizo de limpeza de baños e cobro de prezo público na praia das Catedrais. Así como tamén dentro do que é a información turística tres informadores/as, que estarían durante a Semana Santa reforzando ese punto no areal, e logo xa iniciaríamos o tempo de información na propia praia nas fins de semana para no verano estas tres persoas estar a tempo completo atendendo a toda esa xente que se achega ás Catedrais".

A edil nacionalista engadiu que "está aberta a convocatoria para a presentación das solicitudes ata o día 8 de marzo no Rexistro do Concello e as probas de selección serán os días 14 e 15 de marzo". As bases desta convocatoria de emprego atópanse colgadas na web http://www.ribadeo.gal// 

Ana Martínez dixo que "entendemos que esta necesidade de reforzo é importante porque xa hai un tempo que  estamos recibindo na Oficina de Turismo tanto a nivel de chamadas telefónicas como na páxina web bastantes peticións de información para esta Semana Santa. Entendemos que de novo Ribadeo estará cheo de xente e nosoutros queremos estar á altura que se merecen os nosos visitantes para que leven unha boa imaxe e para que cada ano sexa máis a xente que nos visite e fale ben de Ribadeo polo mundo adiante".

O punto de atención turística da praia das Catedrais estará aberto durante a Semana Santa do 19 ao 27 de marzo. Despois abrirá as fins de semana ata que chegue a tempada estival, que será cando funcionará a diario. No caso dos baños do coñecido areal estarán abertos e haberá que pagar polo seu uso do 19 de marzo ao 19 de setembro.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo