Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Fitur 2016

MARTÍNEZ FELICITA AOS LOCAIS QUE ACADARON A Q DE CALIDADE

Ribadeo en Fitur

22/01/2016

Ribadeo busca en Fitur a desestacionalización do turismo e tamén as novas tendencias do sector para seguir atraendo a visitantes chegados desde calquera parte do mundo. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, fai un balance positivo da presenza de Ribadeo nesta feira, da man da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, e tamén dos contactos mantidos pola delegación ribadense.

A edil nacionalista dixo que "un ano máis estamos na feira internacional de turismo en Madrid, en Fitur, dun xeito institucional, buscando e traendo esa información que debemos presentar aquí para todo o mundo. Onte estivemos na presentación da Mariña como destino, dentro do conxunto da Mancomunidade, e aí estivemos apoiando esa nova iniciativa que é o turismo slow, sen deixar de lado todo o que supón este desenvolvemento turístico para toda a comarca".

Martínez pensa que "a importancia de Fitur é grande; debemos estar aquí porque se non estamos probablemente dea a sensación de que non nos atopamos dentro do mundo do turismo. Entendemos que a feira, aínda que é moi ampla no seu conxunto e en moitas ocasións falamos da pouca presenza que temos dun xeito individual, penso que sería desfavorable ter stands individuais de cada concello porque é mellor promover a forza propia que facemos como destino. Se ben quero destacar que  debemos estar tamén como concello para dar valor e potenciar o que significa Ribadeo nos contactos e reunións que se poden manter nesta feira".

A concelleira de Turismo subliñou "a importancia de que o sector hostaleiro de Ribadeo estivo presente onte aquí da man de varios empresarios apoiando, desde logo, o destino Ribadeo e ese gran motor económico que é o turismo no noso concello. E iso é un importante valor, que entre todos valoremos o que supón o traballo conxunto para que Ribadeo sexa ese destino de Ribadeoxquesi, que presentamos o ano pasado". A edil aproveitou a ocasión para felicitar a todos os establecementos ribadenses que onte recolleron as súas Q de calidade turística en Madrid.

Ana Martínez indicou que "desde esta Delegación de Turismo estamos facendo unha serie de contactos para buscar esas novas vías para posibles visitantes que desestacionalicen un pouco o turismo, por exemplo a través do Ribadeo Eventos, no que estamos traballando de xeito bastante importante para volver relanzar este medio para que fóra de tempada Ribadeo se converta nese epicentro para que as empresas e as familias poidan vir aquí a facer o seu evento".

E engadiu: "tamén seguiremos buscando eses novos contactos, esas novas tendencias do turismo para que Ribadeo estea aí porque si, por todo o que vale, por todo o que ten e, desde logo, para que os nosos empresarios, os nosos veciños sigan recibindo ese turismo que cada día nos fai máis importantes non soamente en Galicia senón tamén no resto do mundo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo