Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

ASINADO POR OS PARTIDOS, AGÁS O PP, E ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

Residencia de maiores

20/01/2016

O Concello remitiulle un escrito ao conselleiro de Política Social sobre a residencia de maiores. Na comunicación pídelle explicacións xurídicas sobre as peticións e as negativas que a Xunta lle sigue a realizar a Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, di que "o demais é enredar e non querer facer as cousas".

O Concello remitiulle un novo escrito ao conselleiro de Política Social para que explique xuridicamente as peticións que a Xunta de Galicia lle sigue a realizar a Ribadeo sobre a residencia de maiores, que está en construción. O alcalde di que o Concello baséase en argumentos xurídicos, cousa que non fixo a Consellería nunha comunicación remitida hai uns días ao alcalde. Fernando Suárez Barcia dixo que "o que recibimos foi unha carta máis política que administrativa e o que queremos é que demostren xuridicamente os seus argumentos, tal e como facemos nós". Todo isto ten que ver co convenio de colaboración para construción e posta en funcionamento da residencia de maiores en Ribadeo e da partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta no seu día, e da que aínda nada se sabe.

O rexedor declarou: "lamentablemente comprendo que esta situación sexa cansina para toda a cidadanía por ver todas as múltiples pedras no camiño que desde hai moito tempo a Xunta de Galicia está empeñada e comprometida en non facer, máis que en facer, que é o que debería facer calquera organismo público: facer, axudar a facer e non sempre intentar poñer pedras no camiño. Pero algo pasará cando con esa actitude o que conseguen é poñernos de acordo ao goberno, a toda a Corporación e ao movemento asociativo; iso si, menos ao Partido Popular, en que non estamos de acordo cos reiterados argumentos, manidos xa, por parte da Xunta de Galicia por no acabar aportando os escasos fondos que no seu día comprometeron para a residencia".

Suárez Barcia explicou que "ano e medio despois de que tivésemos mandado toda a documentación que se nos requiriu por fin responderon hai escasos días a través dunha carta desde o punto de vista máis político que administrativo, aínda que as administracións móvense con informes técnicos e xurídicos e non con cartas de amor ou desamor, como a que nos manda o conselleiro. Despois de analizar e estudar esta contestación entre todos e coa axuda dos técnicos e xurídicos, que é como estamos levando todo este asunto en Ribadeo, volvemos de novo, hai uns días, a remitir un escrito motivado explicándolle polo miúdo os aspectos que xa están cumpridos e os motivos daqueles que non podemos e non debemos facer, ao tempo que lle indicamos que os asinantes deste escrito pedímoslle que se ten algo que dicirnos que no lo demostre xuridicamente". E engadiu: "e os seus pareceres que sexan xurídicos, non soamente con intencións, tal e como facemos nós, que aportamos informes xurídicos do que facemos porque o facemos e do que non facemos tamén explicamos por que, amparándonos en artigos de leis e regulamentos autonómicos e estatais. Así é como se deben manexar as cousas, menos para a Xunta en Ribadeo, parece ser".

No escrito asinado polos portavoces de Ciudadanos, do PSOE, polos representantes das asociacións veciñais, polo alcalde e pola concelleira de Servizos Sociosanitarios, "dicímoslle á Xunta que todas as autorizacións pertinentes para a execución e construción están emitidas pola propia Xunta, que o informe de viabilidade e todas as aclaracións xa foron remitidos polo Concello hai moito tempo, que estamos cumprindo con todo e que, polo tanto, unha vez máis, os representantes do BNG, de Ciudadanos, do PSOE, das asociacións de veciños, que estamos todos neste barco, queremos dicirlle ao conselleiro que dea as instrucións aos departamentos competentes da súa Consellería para que dunha vez por todas, se verdadeiramente queren participar no financiamento do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, procedan a dar unha resposta oficial ás discrepancias formuladas polo Concello en relación ao borrador de convenio que nos achegaron no seu momento, aportando a proposta alternativa que poida ser aceptada". Suárez Barcia indicou que "no caso de non ser admitidas as nosas alegacións, en todo ou en parte, que acheguen tamén o soporte xurídico que funde esa inadmisión, como fixemos nosoutros sempre. E o demais é enredar e non querer facer as cousas".

O alcalde de Ribadeo sinalou: "pero que non esquezan os políticos que están na Xunta que todos estamos circunstancialmente nos postos e nos cargos e que a cidadanía, que é moi sabia, acaba quitando e poñendo á xente que non cumpre co seu cometido de defender os intereses dos veciños. E aquí, en Ribadeo, á Xunta penso que lle está quedando un pouquiño lonxe o interese dos veciños e veciñas deste concello".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo