Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

A XENTE MERCA NO COMERCIO LOCAL E OBTÉN VALES DE DESCONTO

Éxito da pista de xeo

28/12/2015

A pista de xeo natural instalada no parque de San Francisco está sendo, segundo o alcalde, Fernando Suárez, "unha auténtica revelación na comarca da Mariña e no Occidente asturiano". Ás instalacións, abertas ata o 10 de xaneiro todos os días, acoden unhas 250 persoas ao día e, segundo avanzan as xornadas, medra o número de entradas bonificadas por compras de máis 20 euros no comercio local asociado a Acisa.

O rexedor declarou: "penso que se pode denominar como unha auténtica revelación para a Mariña e o Occidente asturiano ter esta pista de xeo natural en Ribadeo, que promovemos dende o Concello coa colaboración da Asociación de Comerciantes. Recibe unha media, porque non podería dicir o día maior ou menor, de 250 persoas ao día nos diferentes horarios, pola mañá de 12 a 14 horas e pola tarde, de 17 a 22 horas, e constitúe un auténtico aliciente para vir a Ribadeo, non só para que os de Ribadeo gocen, senón para que toda a xente que poda vir a Ribadeo, de paso que vén mercar, pasalo ben ou facer outras actividades, mentres poidan os nenos e os non tan nenos gozar desta pista de xeo natural. A xulgar polas cifras é un auténtico acontecemento".

Suárez Barcia afirmou que a atracción que xera a pista xa se percibe no comercio local, "sobre todo, o que máis nos interesa a nós, é ver que o movemento do comercio tamén se está notando con referencia á pista de xeo. Se ben nos primeiros días era maior o número de entradas normais que se vendían, agora, a medida que vai pasando o tempo, está incrementándose o número de entradas bonificadas, que só pagan tres euros, porque mercan no comercio de Ribadeo. Cunha compra de cando menos 20 euros nun comercio xa teñen dereito a ter unha bonificación do 50%. Polo tanto, queremos seguir animando á xente que aínda non o fixo, que veña a Ribadeo, que merque en Ribadeo, que goce en Ribadeo e, como non, que use a pista de xeo, que estará aberta todos os días ata o día 10 de xaneiro, ata entrado o ano que vén. Así que a pasalo ben e gozar destes días de Nadal en Ribadeo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo