Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

POR 3,47 EUROS O CONCELLO OFRECE RECOLLIDA A DOMICILIO

Enseres abandonados

26/10/2015

O alcalde, Fernando Suárez, chama á implicación veciñal para evitar que se tiren obxectos inservibles en estradas ou montes, como aconteceu esta mesma fin de semana na parroquia de Piñeira. O rexedor lembra que o Concello dispón dun servizo de punto limpo aberto para esta fin e invita aos veciños a denunciar as malas prácticas neste senso.

Suárez Barcia amosou "o desgusto que provoca ver nun paraxe tan bonito como é este camiño da costa que vai por todo o litoral ribadense, aquí concretamente na parroquia de Piñeira, un sofá que foi depositado por algún desalmado, por algún túzaro. Non se lle pode chamar doutra maneira, sobre todo cando dende o Concello de Ribadeo hai alternativas máis que dabondo para tratar os residuos que sobran na vivenda dun, cando xa non son útiles. Temos un punto limpo  municipal aberto todos os días da semana, en horario de mañá e de tarde, para que se alguén se quere desfacer dun sofá, dun tresillo ou dunha cociña, o poda levar alí de maneira gratuíta. E se alguén non ten vehículo para desprazarse ata o punto limpo pode chamar ao Concello e por 3,47 euros, tanto o primeiro como o último martes de cada mes, vanllo buscar á casa".

O alcalde ribadense chama á colaboración de todos no coidado do medio natural porque asegura que non abonda co traballo do Concello: "quero apelar ao civismo da xente porque xa podemos dende o Concello ser os máis eficientes do mundo, que se logo á xente lle dá por tirar o lixo en vertedoiros incontrolados, no medio do monte ou na beira do mar como é o caso, por moito que fagamos no Concello nunca chegaremos á excelencia. O que pido tamén aos veciños é que se ven a algún túzaro facendo estas cousas que o comuniquen ás autoridades pertinentes. A limpeza, o entorno e o medio ambiente son cousa de todos, non soamente do Concello".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo