Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto despois limpeza

BARCIA LEMBRA QUE HAI QUE CAMBIAR A TUBERÍA DE VILARBETOTE

Encoro de Lexoso

02/09/2015

O Concello acometeu nos últimos días a limpeza do encoro de Lexoso, situado na parroquia de Covelas, do que se extraeron 1.400 metros cúbicos de area e de terra. Así o anunciou o alcalde, Fernando Suárez, que indicou que a intervención se realizou con fondos propios cun orzamento de 13.000 euros.

O rexedor explicou que "nestes últimos días aproveitando o pouquísimo caudal que traía o río Grande estivemos dende o Concello de Ribadeo executando os traballos de limpeza da area e da terra do encoro de Lexoso, un dos dous puntos de abastecemento de auga que temos en Ribadeo. Hai que ter en conta que o outro está no río Eo, en Vilarbetote, no veciño concello de Trabada".

Fernando Suárez indicou que "estivemos traballando ao longo deste último ano para conseguir unha complexa serie de autorizacións autonómicas e doutras administracións para poder limpar e lograr con iso unha maior capacidade de almacenamento de auga, para abastecer tanto ás parroquias do interior como a propia vila de Ribadeo. De feito, extraéronse uns 1.400 metros cúbicos de terra deste encoro, que se foran acumulando ao longo dos últimos anos, especialmente despois das riadas que foron provocando que a capacidade de acopio de auga estivese sensiblemente reducida, co perigo de desabastecemento que tiña para a poboación en momentos de rotura da outra canalización".

Estas obras están sufragadas na súa totalidade polo Concello de Ribadeo  e ascenden a uns 13000 euros, segundo indicou Suárez. A empresa Isidro Otero, de Mondoñedo, foi a encargada de acometer os traballos.

O alcalde ribadense aproveitou a ocasión para lembrarlle a Augas de Galicia a precaria situación da canalización que abastece de auga Ribadeo dende o Eo: "con todo, aínda que a limpeza do encoro de Lexoso está feita e ben feita, non quita da necesidade da substitución da vella canalización de auga que vén dende Trabada, a máis de 20 quilómetros de Ribadeo. É unha tubería que data dos anos 70 e provoca numerosas roturas ao longo do ano pola súa vellez, algo do que Augas de Galicia e Xunta son perfectos sabedores ao longo destes últimos anos polas comunicación e avisos verbais e escritos que lles temos reiterado en numerosas ocasións".

Neste aspecto, Suárez chama á boa sintonía entre administracións polo interese dos veciños: "confío en que o espírito de colaboración entre as distintas administración chegue a bo porto polo ben dos veciños e que a Xunta execute estas obras, do mesmo xeito que Augas de Galicia e a Xunta nos cobran periodicamente aos veciños e ás veciñas tanto o canon da auga como o de saneamento".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo