Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Catedrais

SUÁREZ BARCIA FAI UN BALANCE MOI POSITIVO DA SEMANA SANTA

Milleiros de visitantes

06/04/2015

Do 1 ao 5 de abril pasaron pola oficina de turismo da vila e polo punto das Catedrais 4.000 persoas en busca de información sobre o areal, sobre lugares para comer, para durmir e para visitar. Este dato supón un incremento en máis de 1.000 persoas, con respecto ao ano pasado. En marea baixa a praia rexistrou miles de visitas ao longo destes días. A ocupación hoteleira estivo no 100% durante as xornadas festivas e situouse entre o 80 e o 85% o resto da semana. O rexedor insistiu, unha vez máis, na necesidade de que Ribadeo pivote a xestión do fluxo turístico que recibe As Catedrais.

O alcalde fixo unha valoración moi positiva da Semana Santa: "foron milleiros de persoas as que pasaron por Ribadeo estes días, o cal ven confirmar a liña ascendente que vimos mantendo nos últimos anos onde cada vez somos máis coñecidos, onde cada vez ven máis xente de Galicia e de fora de aquí a descansar, a pasar os seus momentos de lecer, porque aquí hai moito que facer, hai moito que ver, temos a praia das Catedrais, pero temos moito máis que iso".

Suárez Barcia subliñou que "segundo os datos que me pasan as técnicas de turismo das dúas oficinas de información, a da vila e a que estivo aberta durante estes días de Semana Santa nas Catedrais, un total de 3.933 persoas pediron información turística, das que 1.330 fixérono na oficina de Ribadeo e 2.603 acudiron ao punto que está situado nas Catedrais. Son cifras que impresionan a calquera e que incrementamos nunhas 1.250 persoas máis que en 2014. Referímonos só aos visitantes que se achegan a eses puntos en demanda de información sobre que visitar, onde comer, onde durmir, etc…".

O alcalde ribadense sinalou que "detectamos por primeira vez diferenzas entre as dúas oficinas en canto á procedencia dos viaxeiros. Na da vila, na que está en Ribadeo, o primeiro lugar é para Madrid, seguido de Euskadi, Galicia e Castela-León. E  no punto de información das Catedrais é diferente: o primeiro lugar foi para Galicia, seguido de Madrid, Castela-León e Euskadi. Tamén cabe sinalar que a maioría da xente ven en parella ou en familias de 3 ou 4 membros, pero cada vez veñen máis grupos organizados de entre 7 e 10 persoas nun rango de idade que oscila entre os 30 e os 50 anos".

Fernando Suárez engadiu que "moita desta xente que ven amosa o seu interese pola praia das Catedrais e non teñen nada claro cal será o organismo encargado da regulación, no caso de que se chegue a limitar, como se levará adiante ou mesmo cando vai entrar en vigor".

O rexedor tamén se referiu á hostalaría e á ocupación hoteleira: "despois de facer un sondeo nestas últimas horas estimamos que a ocupación hoteleira dos días máis sinalados da Semana Santa rondou o 100% e o resto a media estivo entre o 80 e o 85%. En xeral os nosos hostaleiros están moi contentos cos resultados, incluso aqueles que teñen restaurantes mostráronse moi satisfeitos de cómo discorreu esta Semana Santa. Este binomio, entre Concello e sector servizos, segue funcionando moi ben, seguimos compenetrándonos moi ben, seguimos exhibindo músculo, e tamén de todo isto no que ten que ver coa praia das Catedrais, que é un reclamo turístico de primeira magnitude que se foi revelando nos últimos tempos como tal, debemos sacar unha lección".

E explicou: "Ribadeo ten que ser o lugar desde onde pivote toda a acción de xestión dos fluxos dos milleiros de persoas que veñen visitar esta nosa praia durante todo o ano e especialmente nas tempadas altas, porque sería impensable para os nosos hostaleiros, para os nosos hoteis, etc, que permitísemos que todo este fluxo de visitantes pase a xestionarse desde lugares que o único que pretenden é diluír e disociar As Catedrais de Ribadeo. Unha cousa é certa: As Catedrais están en Galicia, claro que sí, As Catedrais están na Mariña, por suposto, pero As Catedrais están en Ribadeo, e Ribadeo debe ser o eixo sobre o que pivote toda a política de xestión dos fluxos turísticos polo ben de Ribadeo, polo ben da conservación do areal e polo ben do noso sector servizos, da hostalería…".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo