Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello Ribadeo

CON VARIOS ASUNTOS DE TRÁMITE, SEGUNDO O ALCALDE

Penúltimo pleno

25/03/2015

A ampliación da estrada paralela á vía do tren, a mellora do alumeado na baixada á Casa das Algas ou os requerimentos enviados aos propietarios dos inmobles da antiga estación do tren mineiro, situados na parte de atrás da rúa Lazurtegui, foron algúns dos asuntos abordados no capítulo de rogos e preguntas no penúltimo pleno que onte celebrou a Corporación Municipal de Ribadeo.

O rexedor contou que "xa encarando a recta final deste mandato celebramos este penúltimo pleno ordinario, no que realmente non había asuntos de grande transcendencia. Era un pleno practicamente de trámite. Os dous puntos máis interesantes que houbo foron, por unha banda, un recoñecemento extraxudicial de crédito relativo a aqueles provedores que cando acaba o ano natural non presentan as facturas senón que o fan no ano seguinte; é algo sobre o que os advertimos que non deben facer así ou se o fan a data da factura debe ser xa do novo ano natural, pero hai algúns, sobre todo compañías eléctricas, etcétera, que non se adaptan a estas necesidades de contabilidade e polo tanto trastórnannos a nosoutros porque logo temos que facer uns recoñecementos extraxudiciais de crédito. En todo caso eran cifras de facturas que non excedían dos 30.000 euros".

Suárez Barcia indicou que "por outra banda, quixemos iniciar o trámite de modificación puntual, moi pequeniña, da ordenanza que regula o mercado semanal dos mércores no sentido de intentar clarificar a problemática que existía desde hai tempo co sistema de aparcamento para os vehículos dos vendedores ambulantes deste mercado semanal. Polo tanto buscamos unha solución para que tivera un encaixe legal, dialogada e pactada cos propios ambulantes e coa Policía Local, e incorporamos unha redacción parecida a dun concello dunha cidade próxima. Este acordo, que foi tamén unánime, vai estar a exposición pública durante un mes".

No capítulo de rogos e preguntas o alcalde explicou que "os diferentes grupos da Corporación intentan propoñen medidas para mellora o noso concello, propostas que desde o goberno na meirande parte dos casos estamos traballando nelas ou lles indicamos que seguiremos traballando para lograr a consecución efectiva, como no que ten que ver coa ampliación da estrada paralela á vía do tren, que estamos traballando para poder logralo, aínda que non se vai poder facer agora nestes dous meses que quedan antes do remate do mandato, pero sí no transcurso do ano 2015 entendemos que ao novo goberno que estea quedaralle isto encarreirado para que poidan facer. Así como acordar con Costas a mellora do alumeado na baixada para a Casa das Algas, na Vilavella".

E engadiu: "ou un asunto ao que dediquei un tempo de explicación, que é o referido á situación de abandono da parte de atrás da rúa Lazurtegui, detrás do colexio das monxas, na antiga estación do tren mineiro, xa que desde hai poucos días, unha vez que o plan xeral de ordenación municipal está definitivamente aprobado, eses inmobles que están nunha situación ruinosa adquiriron unha protección que ata o momento non tiñan, polo que dende hai xa unhas semanas temos iniciados expedientes e temos requirido aos seus propietarios, que son máis de 20 e meirande parte deles non residen en Ribadeo, con procedementos como os que estamos facendo no casco vello para os que teñen propiedades en estado de ruína ou de abandono débenas rehabilitar se non se queren enfrontar a unha política máis coercitiva por parte da administración municipal. Estamos nesa idea".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo