Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto hospital asilo

O REXEDOR DI QUE TEN QUE ESTAR EN PERFECTAS CONDICIÓNS

Melloras no hospital asilo

16/02/2015

O Concello realiza diversas melloras no hospital asilo de Ribadeo, grazas á herdanza que unha veciña, falecida hai pouco tempo, deixou para este fin. En total o investimento realizado na modernización do ascensor, no cambio das ventás da terceira planta e na compra de electrodomésticos para a cociña e a lavandería ascendeu a uns 90.000 euros, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, Fernando Suárez Barcia,

O rexedor sinalou que "quixemos desde o Concello recoñecer este acto de fraternidade que esta veciña de Ribadeo, que nos deixou non hai moito tempo, e que quixo que unha parte do seu legado, da súa herdanza, fose destinado ao hospital asilo de Ribadeo. E o Concello, coma lexítimo propietario dese edificio, ten a obriga de investir ese diñeiro da súa herdanza nas necesidades máis importantes, de acordo coa congregación relixiosa Marta e María, que rexe o hospital asilo".

Suárez Barcia explicou que "eses cartos destináronse en modernizar e adaptar á normativa o ascensor do inmoble, traballos nos que se investiron uns 14.500 euros; outros 28.000 euros foron para proceder ao cambios das ventás da planta terceira, dado que nas outras plantas xa se tiña actuado hai uns dous anos entre o Concello e a Deputación de Lugo. Todo isto supuxo unha notable mellora térmica con illamento magnífico que permite que os residentes se encontren nunhas mellores condicións". O alcalde ribadense dixo que "tamén fixemos unha nova instalación de auga quente sanitaria, para adaptala ás novas normativas e con depósitos actuais máis grandes e quixemos facer unha serie de cambios nos equipos electrodomésticos tanto na cociña (fritadeiras, lavalouzas, carros quentes) como na lavandería, adquirindo novas lavadoras e secadoras industriais. A inversión de todo isto, que foi por un procedemento aberto, superou os 90.000 euros, que é aproximadamente o legado que esta muller lle deixou ao hospital asilo. Si hai algún floco pendente será asumido polo Concello".

Fernando Suárez subliñou que "a querencia desta xente que ao final da súa vida quere que parte da súa fortuna vaia para unha dotación pública, en fraternidade das persoas, queremos facerlle este recoñecemento público. O seu legado está a ser moi ben investido no hospital asilo de Ribadeo. Sen perxuízo de que o Concello, como todo o mundo sabe, está a traballar nunha nova residencia en construción na actualidade, con moitas ilusións e expectativas depositadas nela. Pero temos que seguir traballando neste hospital asilo, que ten que estar en perfectas condicións porque ten que durar moitos anos máis".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo