O 30% DAS OBRAS ESTÁ LISTO. TERÁ CAPACIDADE PARA 47 PERSOAS
As obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo avanzan a bo ritmo. Os traballos da primeira fase, que comprende a estrutura e cuberta do edificio, están rematados, polo que o Concello recibirá xa parte dos 1,8 millóns de euros comprometidos pola Deputación de Lugo, sen ter que agardar ao remate dos traballos, o que favorecerá o avance dos mesmos. Esta tarde supervisaron as obras o vicepresidente da institución, Antonio Veiga; o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Servizos Sociais; os portavoces municipais e representantes da comisión veciñal.
O vicepresidente demandou unha vez máis á Xunta que "aclare dunha vez se vai poñer os cartos ou non para a residencia, sen máis culpables nin atrancos". Antonio Veiga reiterou que "Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e instou unha vez máis á Xunta de Galiza a “aclarar dunha vez se vai poñer cartos ou non para esta residencia, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar cartos para a residencia".
O convenio asinado entre o Concello de Ribadeo e a Vicepresidencia da Deputación prevé achegas da institución provincial por un importe de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016). O vicepresidente da Deputación destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que se está a construír na parcela onde se atopaban as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias
Antonio Veiga criticou que "ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia". O vicepresidente nacionalista na Deputación denunciou que "a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social" pero dixo que "co apoio da Xunta ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade".
O alcalde, Fernando Suárez, indicou que "a obra está indo razoablemente ben a pesar da meteoroloxía e a pesar de que hai un tempo tivemos que pedirlle á Deputación que nos trasladase unha parte da anualidade do 2014 que non éramos quen de chegar a executar e xustificar naquel momento, pero a previsión inicial de remate da obra segue intacta, dende o primeiro momento. É previsible que a principios de 2016 estean rematadas no que ten que ver co continente. E xa a Corporación que entrará a mediados deste ano 2015 terá que resolver sobre o contido para 2016: as camas, os aparellos, etcétera".
O rexedor lembrou que "por parte do Concello de Ribadeo, de todos os grupos da Corporación e das asociacións de veciños quixemos que Antón Veiga, como representante da Deputación Provincial de Lugo, que é a única institución que nos está axudando a día de hoxe sen prexuízo de que outras podan colaborar tamén, aínda que tamén é certo que o tempo vai pasando, viñese ver como o diñeiro público que xestiona a Deputación de Lugo se está empregando ben aquí para tantos e tantas veciños e veciñas. Un deles agora mesmo me estaba preguntando cando podía anotarse para entrar na residencia, ao que lle contestamos que primeiro vamos acabar a obra e despois xa veremos". E engadiu: "pero o certo é que está indo todo razoablemente ben e simplemente hai que lamentar ausencias, porque nos gustaría convidar a personalidades doutras institucións para que estiveran aquí connosco, pero o dito manos que no dais, que esperáis segue vivo lamentablemente".
E pola súa banda, o voceiro da comisión pro residencia de maiores, José Mª Rodríguez, dixo:"atopámonos moi contentos pola marcha que están levando as obras, pois non están sufrindo atranco ningún, colaborando tanto os portavoces dos partidos políticos como a Deputación nesta como unidade de destino que é a residencia como obxectivo para os vellos de Ribadeo. Unicamente a pena que estamos tendo, e así percibo os comentarios pola rúa, da ausencia da Xunta como se Ribadeo fose un cantón chino, sendo que teoricamente debía ser o goberno de todos os galegos, pero ten marxinado a Ribadeo completamente e non se lle albisca que poña a mirada en nosoutros para nada".
Rodríguez insistiu en que "evidentemente confirmo o que dicía o alcalde de que hai moita necesidade, porque xa é moita a xente que me para pola rúa para preguntarme cando se pode apuntar un para vir para a residencia. Polo tanto eu felicítome e felicítoos a todos por como vai indo e espero que todo acabe ben, se pode ser coa colaboración da Xunta e senón faremos o posible para que sexa".
Á visita cursada ás obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo acudiron os portavoces dos grupos municipais no Concello; a edil de Servizos Sociais, Teresa González; o alcalde, Fernando Suárez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; varios membros da comisión veciñal; o arquitecto municipal e o director da obra.
Coñece a oferta cultural e os equipamentos de Ribadeo
Consulta o PXOM e outros documentos de interese urbanístico
Promovemos a economía local e o emprego
Infórmate sobre os servizos sociais que presta o Concello
Axúdanos a conseguir un Ribadeo sen discriminacións
Loitamos pola conservación do noso medio natural
© 2008 Concello de Ribadeo