Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto sinatura

O DOCUMENTO SERVIRÁ PARA RIBADEO MEDRE DE XEITO ORDENADO

Aprobación definitiva do Pxom

14/11/2014

No Concello tivo lugar hoxe "un fito": a sinatura da orde de aprobación definitivan do Pxom. O alcalde, Fernando Suárez, lembrou o traballo realizado pola actual e pola anterior Corporación Municipal, o consenso dos grupos políticos e dixo que o plan está presidido polo ánimo de facer ben as cousas.

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a sinatura da orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo. No acto participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, ademáis de técnicos da empresa redactora Eptisa. Estiveron acompañados polos portavoces dos grupos políticos con representación no Concello: Upri, Psoe, PP e BNG e por concelleiros do equipo de goberno.

Na súa intervención o alcalde, Fernando Suárez, dixo que "este fito de hoxe pon unha meta, que non é definitiva porque agora o plan ten que empezar a funcionar e aí vai ter moitas cousas positivas, pero para facer unha síntese de tantos anos, pensaba hai un momento que eran 14 pero realmente son 16 anos desta especie de carreira longa, xa non como unha carreira da milla de San Silvestre que facemos aquí nin como a media maratón das Catedrais; isto foi como a maratón de Nova York. Isto foi un camiño longuísimo no que na primeira parte desta carreira todo foi un pouco desbaraxuste. Xa hai moito tempo a Corporación non estaba coordinada nesta carreira de fondo tan longa que tíñamos que ir facendo, polo que non estaba indo todo como mellor debía. É certo que naquel momento tíñamos algún tipo de interferencias, con aquela tolemia colectiva que logo se deu en chamar burbulla inmobiliaria e houbo moitos momentos nesa carreira nos que se pensou que era mellor abandonar".

O rexedor lembrou: "pero despois chegou unha segunda parte nesa maratón tan longa: con aquela burbulla estoupada volveu a cordura e por fin conseguimos todos, e non me refiro ao equipo de goberno senón á Corporación, a coordinación e o traballo en equipo ata acadar a meta á que hoxe chegamos. E, polo tanto, é un mérito non do alcalde nin sequera do equipo de goberno senón de todos e cada un dos grupos da Corporación. E por riba dos grupos da Corporación case me atrevo a dicir, e que non se me entenda mal, das persoas desta Corporación e tamén da anterior. Tivemos unha enorme complexidade, poucos plans de todo o país teñen o nivel de dificultade que tivo este para un concello de 10.000 habitantes: 18 informes sectoriais de todo tipo, supoño que hai Concellos que teñen moitos máis, pero aquí tivémolos da Xunta, de numerosos ámbitos; do Estado, de numerosos ámbitos, de Renfe, de Feve, de Patrimonio, de Costas, de Ríos, da Confederación Hidrográfica, de Augas de Galicia e ata de Aviación Civil, porque tamén temos un aeródromo, aínda que sexa privado. Tivemos mil e un informes que houbo que pedir e actualizar, o que nos foi alongando no tempo".

Fernando Suárez sinalou que "aquí está o traballo condensado de tanto tempo, tantas xuntanzas con encontros e desencontros, aínda que os primeiros foron a tónica habitual nestes últimos tempos; tantas viaxes a Patrimonio, a Urbanismo, a Portos, a Augas, a Estradas da Xunta, a Estradas do Estado en Lugo, en Santiago e en Madrid; a Eptisa, na Coruña, etcétera. Con xuntanzas interminables aquí, no Concello, entre os portavoces dos diferentes grupos que se paraban para ir xantar, iso si un menú do día para despois continuar as xuntanzas pola tarde".

O alcalde ribadense pensa que "quizais non sexa o mellor dos plans que poida haber, quizais non sexa o máis ambicioso de canto puidemos ter parido, pero no seu conxunto está presidido, sinceramente, polo ánimo de facer ben as cousas, de estar adaptadas ás leis vixentes e de conseguir as maiores dotacións públicas posibles para uso e disfrute de toda veciñanza xa, desde agora, na época inmediata e tamén nos vindeiros anos".

O rexedor subliñou que "os obxectivos deste plan son un crecemento sostible, a obtención para a colectividade de espazos públicos que non viu Ribadeo en practicamente boa parte do século XX nin do XXI. Hai que lembrar que os espazos públicos máis importantes de Ribadeo veñen do século XIX e, polo tanto, queremos que se sigan promovendo agora aspectos tan básicos como que nas novas promocións de vivendas o 30 por cento delas sexan protexidas; queremos que as novas rúas que se fagan teñan uns anchos mínimos e dignos; queremos que os edificios teñan normas de habitabilidade que fagan cómodo o seu uso; queremos que en moitas das mazás de Ribadeo se poidan facer parques, espazos públicos, pistas deportivas, etcétera. Queremos que existan novas rotondas e avenidas que conecten mellor o entramado urbano coa autovía; queremos que Ribadeo medre con xeito pero, ao fin e ao cabo, que medre. Queremos que nas parroquias se atope unha harmonía entre a lexítima querenza de mellora que a xente quere co ánimo de preservar o patrimonio e a nosa historia".

O capítulo de agradecementos do Fernando Suárez foi longo: "grazas polo tanto a Eptisa: a Galindo, a Alfonso, a Ana. Pídovos perdón publicamente polo meu carácter, que moitas veces é un pouco insistente; ás veces téñome desgustado, enfadado para que fixerades o traballo, para que avanzásedes. Tamén aos técnicos do Concello: ao arquitecto Moreda, ao secretario anterior Manolo, ao secretario actual, a Rodil, a todos os técnicos que estiveron traballando honestamente para que isto fora adiante. Quero, desde logo, darlle tamén as grazas a esta Corporación actual e á anterior. Sempre, como en todo na vida, pode haber puntualizacións ou salvidades, pero eu non as vou facer porque simplemente a forza da maioría e da boa fe da práctica totalidade desta e da anterior Corporación fixeron posible este acto. E grazas, como non, tamén á Xunta, pois a pesares dos desencontros que poidamos ter noutras cuestións importantes non detectamos máis que colaboración técnica e política absoluta neste planeamento, tanto nesta como na anterior lexislatura, sabendo que era un plan moi complexo pois ao final tivemos que aceptar, adaptar e corrixir cantos aspectos se nos foron indicando. E ao mesmo tempo estou convencido de que todo isto vai supoñer unha maior fortaleza xurídica e técnica deste plan xeral de ordenación municipal. Polo tanto grazas a Ethel Vázquez e a Encarna Rivas. Moitas grazas".

Os técnicos de Eptisa sinalaron no acto celebrado no Concello esta mañá que "Ribadeo constitúe unha referencia territorial no crecemento de toda a Mariña lucense polo que non se trata dun momento histórico unicamente para este concello. O PXOM trata de dar resposta a un municipio cunha vocación claramente turística en particular pola singularidade da súa paisaxe, que representa a forza motora da súa base económica. Este modelo debe ser respectuoso polo marco no que nos atopamos, este marco non é outro que un municipio no que a totalidade da súa costa atópase integrada na Rede Natura 2000 e no que se encontra a praia das Catedrais, declarada monumento natural. Un municipio onde os dous núcleos cabeceira, Ribadeo e Rinlo, son declarados polo plan de ordenación do litoral de Galicia como núcleos de identidade litoral".

Os técnicos explicaron que "o Pxom recolle todas estas cartas e ponas sobre a mesa debuxando un modelo axustado ao modelo económico actual, buscando un crecemento contido e ordenado á vez que respectuoso. Sen embargo o Pxom que hoxe se aproba non marca o final do camiño, senón a continuación do mesmo xa que máis do 75% das vivendas previstas para área urbana de Ribadeo e de Rinlo requerirán a aprobación dun instrumento previo de xestión. En consecuencia a materialización do que hoxe debuxamos no papel é un compromiso que nos compete a todos".

"O Pxom de Ribadeo deseña un modelo que favorece o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio municipal, compactando os núcleos, protexendo o medio natural e o patrimonio cultural e completando as dotacións de espazos libres e zonas verdes. O municipio conta con dous importantes núcleos urbanos: Ribadeo e Rinlo nos que é primordial potenciar a súa calidade e a súa imaxe. Ambos núcleos contan con áreas de rehabilitación integral para protexelos, por isto se delimitan plans especiais de protección para revalorizalos e poñelos en valor. No que se refire ao solo industrial e terciario o plan xeral da resposta ás actividades existentes proporcionando un espazo futuro para que poidan medrar e prosperar. O Pxom potencia o litoral coma un espazo de destino turístico e protexe o patrimonio natural, os corredores ecolóxicos, o camiño de Santiago e as súas praias, fundamentalmente a das Catedrais, que foi declarada monumento natural e o Pxom delimita un plan especial que permita mellorar a paisaxe e regular os usos na zona. Esperamos que a aprobación e o desenvolvemento do Pxom sexa un motor para o crecemento da Mariña e de Ribadeo", engadiron os técnicos de Eptisa.

Pola súa banda a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, tildou de "importante que o Concello de Ribadeo conte con Pxom. Contar con planeamento urbanístico é decidir hoxe o que queremos que sexa o noso pobo no día de mañá e camiñar todos na mesma dirección. Polo tanto un fito realmente moi importante que o Concello de Ribadeo conte con plan xeral de ordenación municipal. É un plan xeral que beneficia a 10.000 veciños, planifica o desenvolvemento urbanístico a 18 anos, potencia a capacidade turística que ten este concello, con grandes valores culturais e ambientais, e planifica tamén o desenvolvemento urbano de xeito ordenado". Vázquez engadiu que "ademais prevé a redacción dun plan especial para protexer o contorno da praia das Catedrais, que como saben que estamos a desenvolver actualmente dende a Xunta de Galicia un plan de conservación e consideramos que é fundamental o apoio institucional, a coordinación entre as administracións e, por suposto, as achegas de todos, que enriquecerán o plan de conservación e xa están sendo analizadas".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo