Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

O REXEDOR SÉNTESE ENGANADO

Humor e retranca

17/10/2014

O alcalde, Fernando Suárez, considera que o caso de Francisco Nicolás Gómez Iglesias, detido hai uns días en Madrid acusado de falsidade e usurpación de identidade, hai que tomalo con humor e con retranca. E engade que por Ribadeo pasan milleiros de persoas todos los anos "e polo medio pode colarse algún indesexable como este".

O rexedor referiuse a "esta noticia de tanto alcance, dende o punto de vista da certa retranca, sobre esta detención de Nicolás Gómez Iglesias, que xa estivera de actualidade aquí en Ribadeo durante este verán pasado, quero dicir que eu coma alcalde tamén fun un enganado por dicilo dalgunha maneira. Certamente o modus operandi e o despregue previamente montado, a verdade é que a ver a quen non lle pasaba isto".

Suárez Barcia relatou que "días antes da súa chegada chamaron supostamente dende a Casa Real e a Presidencia do Goberno para pedir escolta para unha alta personalidade da Casa Real, e eu como alcalde xa que era tan alta personalidade e tan alta representación a que ía vir a Ribadeo, dado que este concello ten un tirón turístico incuestionable nestes últimos anos e non é inusual ver a xente cunha certa traxectoria mediática, pois considerei adecuado ir darlle a benvida a este persoeiro da Casa Real, que ao final acabou sendo un impostor como se está demostrando nestes últimos días".

O alcalde de Ribadeo pensa que "se eu non o fixera así, pois qué pensaría a xente no caso de que efectivamente fora alguén da Casa Real. Tamén poderían ter dito que o alcalde era algo estirado porque para unha vez que ven alguén da Casa Real aquí pois non o íamos saudar, cando menos. Eu simplemente me acheguei ao restaurante para saber quen era aquel persoeiro tan magnífico que se nos indicaba e saudeino dándolle a benvida a Ribadeo. Logo din a volta e deixeinos que seguiran comendo, el e máis ao empresario asturiano co que estaba xantando. E nada máis".

"O certo é que Ribadeo recibe a tanta xente para ben, recibe a centos de persoas durante todo o ano polas Catedrais, polo casco vello, polos servizos, polo comercio, polos restaurantes ou polo que sexa e é certo que no medio destes centos de miles de persoas algún indesexable, coma é o caso, tamén se pode colar. Pero hai que tomalo con certa retranca e certo humor de que ás veces tamén pasan cousas anecdóticas coma é o caso", dixo Fernando Suárez.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo