Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto terreos residencia

O FUTURO DA RESIDENCIA DE MAIORES SERÁ O PROTAGONISTA

Pleno esta tarde

26/02/2014

No pleno extraordinario e urxente desta tarde, ás 20 horas, aprobarase o gasto plurianual das obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo, o proxecto técnico e a licitación das mesmas. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que hoxe se dará un paso moi grande "neste soño colectivo que temos desde hai tempo". 

O rexedor sinalou que "no pleno de hoxe, desta noite, daremos un paso moi grande neste soño colectivo que temos desde hai tempo moitos, por non dicir todos os veciños e veciñas deste nobre concello". Suárez Barcia lembrou que "vai facer agora dous anos en abril que máis de 1.000 persoas de Ribadeo, da vila e das parroquias, se botaron á rúa para esixir das administracións unha residencia en Ribadeo e escasamente dous anos despois dos moitos avatares, dos problemas económicos, de problemas coas normativas legais, con administracións, tamén de moito diálogo, de moito traballo entre todos, o goberno e a Corporación Municipal, en definitiva o movemento veciñal e asociativo puidemos conseguir facer realidade este soño".

O alcalde ribadense dixo que "conseguimos que a Deputación se comprometera dunha maneira moi positiva economicamente con máis 1.800.000 euros e conseguimos, aínda que non o temos por escrito, que a Xunta puxera enriba da mesa 500.000 euros, pero insisto a día de hoxe non están conveniados todavía". Fernando Suárez indicou que "temos que seguir dando pasos, temos unha cantidade moi importante de diñeiro que xustificar neste ano 2014 diante da Deputación. Polo tanto no pleno desta tarde imos aprobar tres puntos relativos á residencia de maiores: o gasto plurianual das obras durante os anos 2014, 2015 e 2016; o proxecto, que xa contou co visto e prace da Xunta aínda que para iso hai unhas semanas tivemos que tensionar de novo toda a corda a Corporación, de xeito unánime, xunto co movemento asociativo; e a licitación das obras, sacalas a concurso".

O rexedor engadiu que "a partires de hoxe da súa aprobación e despois de que se publicite no boletín oficial correspondente abrirase un prazo para que todas as empresas cualificadas económica e tecnicamente poidan presentar as súas ofertas para que á volta duns dous meses poidan empezar estas obras tan importantes para Ribadeo e que se prolongarán por espazo dun tempo. Agardemos que para o 2016 sexa unha realidade, e que esta iniciativa que está plasmada nos planos se vexa plasmada nos terreos e  no convenio".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo