Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto inauguracion ruas

HABERÁ ACTOS DE DESCUBRIMENTO DE PRACAS

Novas rúas

26/12/2013

Oito rúas e espazos públicos recibirán mañá e o sábado nomes de topónimos ou de persoeiros ilustres vinculados con este concello. O rexedor convida aos veciños e veciñas desas zonas a asistir aos actos de inauguración e tamén a todas as persoas que queiran asistir.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "desde o Concello de Ribadeo non queremos acabar o ano sen inaugurar estas rúas que estaban pendentes de descubrirlles a praca correspondente despois de que hai varios meses xa a Corporación Municipal acordara de maneira unánime darlle unha denominación a estas rúas, avenidas ou espazos públicos, tomando nomes de topónimos, nomes de lugar, nomes de persoeiros ilustres de aquí de Ribadeo ou que tiveran un compromiso importante con Ribadeo e coas súas xentes, un compromiso con Galicia ou un fondo espírito humanista".

Mañá, 27 de decembro, ás 18 horas será a inauguración da praza da Música. A Corporación quixo darlle tratamento oficial ao nome popular deste espazo desde hai uns anos. Ás 18:30 horas será o acto na rúa do Pipelo. Neste caso a Corporación quixo recuperar o topónimo do regato que levaba ese nome e que ía desde Ove ata o casco vello pasando polo lavadoiro dos Fornos. E ás 19 horas terá lugar a inauguración da rúa Antonio Rodríguez Darriba. A Corporación quixo recoñecer a labor e o altruísmo deste médico ribadense cos máis necesitados.

Xa o sábado, 28 de decembro, ás 12 do mediodía será o acto de inauguración da rúa Juan Suárez Acevedo. A Corporación quixo recoñecer a importancia deste destacado ribadense, profesor e intelectual humanista. Ás 12:30 horas desenvolverase o acto na rúa da Lodeira. Neste caso a Corporación quixo manter o topónimo deste entorno dándolle o nome á rúa principal. Ás 12:50 será inaugurada a rúa Irmáns Suárez Couto, aos que a Corporación quixo recoñecer o traballo e entrega ao mundo da cultura, da técnica e da innovación destes ribadenses egrexios. Para as 13:10 está prevista a inauguración da ría Irmáns Pérez Prieto. A Corporación quixo recoñecer o traballo, o fondo espírito altruísta e o sobranceiro galeguismo destes dous ribadenses egrexios. E os actos rematarán ás 13:30 horas na rúa da Illa Pancha. A Corporación quixo oficializar o nome nunha rúa dun marabilloso e singular espazo da costa ribadense.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo