Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto caixeiro Ribadeo

A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20 HORAS NO SALÓN DE PLENOS

Caixeiros automáticos na rúa

13/11/2013

As entidades bancarias con caixeiros automáticos na vía pública en Ribadeo pagaranlle ao Concello 2.200 euros anuais a partires do vindeiro ano. Éste será un dos asuntos que aborden no pleno ordinario do venres, 15 de novembro. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que esa cantidade cuadriplícase con respecto á que abonaban ata o de agora e dixo que “non nos importa sangrar á banca. Si o Estado lle axudou con miles de millóns de euros para evitar o seu afundimento, supoño que agora non lle importará que a banca lle entregue unha parte do seu beneficio ao Concello”. O resto das taxas e impostos municipais quedan conxeladas en 2014.

O rexedor explicou que "de todos os temas que irán ao pleno ordinario o máis importante que se pode dicir é que ningún deles contempla subas de taxas ou de impostos municipais para 2014. Conxélanse todos os impostos e taxas aínda que hai unha delas, que é a taxa por recollida de lixo, que estamos desde este Concello e desde outros moitos máis tentando abrir unha canle de diálogo coa Xunta porque nos parece un despropósito que nos poidan subir o 34% na tonelada de recollida de lixo que Sogama lles fai aos concellos. Agardemos que iso non chegue a ser así, porque senón teríamos que trasladarlle unha parte importante dese incremento á cidadanía".

Suárez Barcia subliñou que "a este pleno non irá ningunha suba agás unha que quero explicar con detalle. Hai unha ordenanza que existe desde hai anos que é a que regula a utilización do solo público por aproveitamento especial por varios motivos e hai un deles que é o dos caixeiros automáticos, que xa desde hai anos están a pagarlle unha cantidade ao Concello pola ocupación que fan as persoas que os utilizan da vía pública. Esta cifra vaise ver cuadruplicada, dado que duns 570 euros pasarán a pagar 2.200 euros ao ano ao aplicar o cambio que lle fixemos a esta normativa". O alcalde de Ribadeo dixo que "non nos importa desde o goberno municipal sangrar á banca. É máis si o Estado que axudou con miles de millóns de euros á banca para que non afundise a costa de sacrificar ás familias e ás clases medias e baixas, agora supoño que non lles importará, e supoño que o farán de bo grao, que a propia banca contribúa tamén a entregar unha parte do seu beneficio ao Concello, que non deixa de ser unha parte do Estado, para que poidamos ter ingresos que nos permitan seguir a prestar os servizos que estamos prestando".

Suárez Barcia engadiu que "esta modificación está dirixida a todos os caixeiros de Ribadeo que dan á vía pública, que é onde podemos actuar con esta normativa. Agardo que o asunto vaia para adiante non só cos votos do equipo de goberno, senón coa unanimidade de toda a Corporación Municipal".

Outro dos asuntos que se debatirán na sesión plenaria ordinaria do venres será a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do uso e aproveitamento especial de vías públicas e espazos de titularidade municipal. O rexedor ribadense indicou que "se refire sobre todo aos transportes pesados, que son os que levan madeira por camiños públicos. Esta ordenanza non contempla que os madeiristas ou propietarios paguen unha taxa municipal, pero sí contempla que os madeiristas deberán depositar unha garantía, a través dun aval ou dunha fianza, que responda polos posibles danos nos camiños municipais". Fernando Suárez contou que "estamos aburridos e fartos de loitar con eles, porque desfán os camiños, venden a madeira e logo marchan e temos que ir desde o Concello a amañar esas vías e iso non pode ser así.  Unha vez que depositen a garantía, si a corta se fai correctamente e si a saca de madeira polos camiños se fai correctamente o Concello devolverá integramente o aval e non lles suporá custe algún. Así garantiremos que os viais queden en perfecto estado, pero si se produce algún desperfecto será o madeirista o que terá que responder polo seu amaño".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo