Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

UN NOVO PASO ATRÁS PARA RIBADEO E PARA A COMARCA

Supresión de trens de Feve

06/06/2013

O alcalde, Fernando Suárez, amósase contrario á posible supresión de trens de Feve no traxecto Ferrol-Ribadeo. O equipo de goberno levará este asunto á vindeira sesión plenaria. Suárez Barcia considera que están atacando e cortando de raíz servizos que son moi demandados e pon como exemplo que moitos rapaces e rapazas de varios puntos da Mariña empregan eses trens durante as fins de semana para disfrutar do ocio nocturno a Ribadeo.

O rexedor sinalou que  "nestes últimos tempos cada vez que falamos de actuacións do goberno do Estado sempre son relativas a recortes, a reducións ou a pasos atrás no que ten que ver coa vertebración do noso país. Agora é no tocante ao tren de Feve". Suárez Barcia lembrou que "hai máis ou menos un ano houbo unha serie de globos sonda e aquí no Concello de Ribadeo aprobamos unha proposta da Alcaldía opoñéndonos a aquela redución de liñas por entender que determinados servizos que vertebran a nosa comarca, desvertebrada ao mesmo tempo, se ían perder, dado que para chegar de Ribadeo a Viveiro nin por estrada nin por tren contamos coas liñas axeitadas para que a xente, en tempos adecuados, se poida mover comodamente".

O alcalde ribadense dixo que "agora vemos como a través dunha actuación duns trens turísticos para a época estival vaise aproveitar para que o organismo estatal suprima unhas liñas de tren que son moi demandadas, que son moi rendibles, e que para Ribadeo son moi importantes. Son unhas liñas que, sobre todo nas fins de semana, utilízanas unha chea rapaces e rapazas, de xente moza, que ven disfrutar da hostalería e dos servizos que ten Ribadeo e que evitan ter que coller o coche, ter que ir pola estrada arriscándose aos controis de alcoholemia ou a perder a vida nun accidente de tráfico. E agora estes servizos que son rendibles estanos atacando e pretenden cortar de raíz servizos que son moi demandados e moi usados. Eu convido a calquera sábado sobre as dez a noite se acheguen á estación de Ribadeo e que vexan canta xente se apea nela".

Fernando Suárez Barcia engadiu que "hai un ano fixemos unha proposta no pleno neste sentido e agora, a parte de denuncialo publicamente, de compartir cos representantes dos servizos de Feve que están a alertar desta situación, queremos dese o goberno municipal de Ribadeo amosar a nosa repulsa a un paso máis en conseguir que vaiamos desvertebrándonos como territorio, como país, etc. E no vindeiro pleno do Concello trataremos de acadar un acordo neste sentido para ser enviado á Xunta de Galicia, ao goberno do Estado e á dirección de Feve". 

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo