Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Juanin pintado novo

NO MESMO ALÚDESE AO TOPÓNIMO OFICIAL RÍA DE RIBADEO

Texto consensuado sobre o "Juanín"

22/05/2013

A Corporación Municipal consesuou un texto, que fixo público nas últimas horas, tras o ataque que sufría o "Juanín" hai uns días. Nel dise que Ribadeo sempre foi un concello coas portas abertas ao mundo e que foron moitos os que decidiron establecerse aquí.

A declaración di así

Diante da vergoñenta pintada feita sobre a lancha Juanín na rotonda do Xardín, con expresións ignominiosas, o pleno da Corporación Municipal de Ribadeo quere manifestar o seguinte:


-Sentimos moito orgullo por sermos ribadenses e galegos, e sabemos levar mundo adiante os nosos sinais de identidade con vocación integradora.

-Sempre fomos unha vila e un concello coas portas abertas ao mundo. É unha constante na nosa historia, así o mostran as actas municipais ao longo de séculos, ver como xentes de toda a contorna decidían establecerse en Ribadeo. Sempre os consideramos un máis, ribadenses e galegos de adopción, sen necesidade de renunciaren ás súas orixes.

-Aledounos moito que un selo leve polo mundo adiante un elemento xeográfico e outro arquitectónico que se identifican claramente coa nosa comunidade e coas comarcas mariñán e eo-naviega. Vir a Ribadeo, A Veiga ou Castropol, e percorrer a ría e visitar calquera dos concellos que a rodean, leva aparellada dita imaxe da Ponte dos Santos.

-A tradición sempre usou o topónimo ría de Ribadeo, non é un antollo do Concello ribadense. Ademais, o organismo oficial correspondente deixou absolutamente claro diante da controversia orixinada nestes últimos anos corroborando o uso oficial, lexítimo e legal de dita denominación.

-Por último, non imos ceder á provocación, senón todo o contrario: seguiremos a desenvolver novos proxectos e actividades que dinamicen a nosa vida económica, social e cultural, respectando coma sempre, aos nosos veciños e irmáns da outra banda da ría de Ribadeo.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo