Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto vista Ribadeo

SUÁREZ CRITIOU A CRISPACIÓN DO VOCEIRO DO PP

Aprobados os presupostos de 2013

30/01/2013

Cos votos a favor do BNG e a abstención dos grupos da oposición aprobáronse inicialmente os presupostos do Concello de Ribadeo para este 2013 que ascenden a pouco máis de 8 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, califícounos de reais e axustados, dixo que se reforzaron partidas de servizos sociais a pesares dos recortes doutras administracións e que en breve se poderá falar de recuperación económica das arcas municipais.

O rexedor subliñou que "é a primeira vez que o goberno municipal aproba os presupostos ao principio do ano económico en curso. Son uns presupostos inferiores aos dos anos anteriores, pero como di o informe de intervención trátase dun orzamento real, axustado e que debe facer un control rigoroso dos gastos e fiscalizador nos ingresos". Suárez Barcia explicou que "dado que non subimos os impostos neste 2013 a maioría das partidas de ingresos se manteñen ou descenden, únicamente no que ten que ver co IBI, éste acumula as alzas non porque subiramos os impostos o ano pasado senón en aplicación do decreto do goberno do Estado que ordenara subir un 10% dito imposto. Os gastos de persoal baixan e os gastos correntes estabilízanse a pesares da suba importante que tivo a tarifa eléctrica, tanto para os veciños como para o Concello en xeral. As inversións baixan, pero increméntanse as que teñen que ver con fondos propios. É destacable o descenso das aportacións da Xunta de Galicia, e tamén o incremento das aportacións da Deputación Provincial de Lugo".

O alcalde de Ribadeo dixo que "neste presuposto, que ascende a uns 8 millóns de euros, reforzamos diferentes partidas de servizos sociais a pesares dos recortes doutras administracións, como pode ser o Estado ou como pode ser a Xunta de Galicia. Hai un cousa que planea por enriba de todo e que dalgunha maneira levou á oposición a non votar en contra, tan mal non o estaremos facendo cando tan só se abstiveron. Eu comprendo que igual para eles é complicado votar a favor dun presuposto e optaron pola abstención".

Fernando Suárez considera que "antes que despois se poderá falar de recuperación económica das arcas municipais de Ribadeo, a pesares de todas as problemáticas que podemos ter os Concellos, a realidade é que o tempo que os proveedores tardan en cobrar non ten nada que ver a día de hoxe, coas dificultades económicas que todos estamos a sofrir, coas que podían ter hai catro ou cinco anos. Iso é algo que é obvio, que está enriba da mesa e que é incuestionable". No pleno celebrado onte tamén se someteu a aprobación a amortización de varios postos de traballo que están vacantes "e que nós desde o goberno municipal consideramos que eses labores se poden facer por parte doutro persoal. Todo ten un límite, porque ás veces para poder cumprir cos servizos básicos tes que ter mans que traballen, si un non ten persoal non pode levar adiante determinados servizos de maneira óptima. En todo caso apostamos por reducir esta partida", indicou o rexedor ribadense.

Suárez Barcia amosou o seu pesar e o seu disgusto "pola actitude que últimamente está a tomar o PP e singularmente o seu voceiro, o señor Valín, parece que ten a crispación metida no corpo e parece que lle fai falla un tranquilizante. É difícil o pleno no que non se produce algún cadro de crispación pola súa parte, tentando monopolizar os debates, falando cando non lle corresponde, e estirando os debates dunha maneira que ata as persoas que asisten aos plenos din que son aburridos porque lles estamos a dar voltas durante horas e horas a algúns temas, cando se poden debatir e cada un pode poñer os argumentos enriba da mesa desde un punto de vista lexítimo, pero non fai falla eternizarse en debates. Moléstalles que o alcalde lles diga iso, utilizan as comisións informativas para non facer preguntas e o pleno utilízano para facer unha política de marrullería. Están desviando a atención do importante do debate cara este tipo de cousas".
Para o alcalde "a mellor vacuna e o mellor remedio para todo isto é que a xente acuda aos plenos, os plenos son públicos. Convídoos a que veñan a estas sesións e poidan ver os argumentos, as actitudes e os comportamentos duns e doutros, sen dicir que nós sexamos a perfección e que o alcalde sempre ten a razón, pero é rechamante a actitude do PP, que como non pode tachar noutros asuntos da vida orgánica municipal tentan desviar a atención a supostas faltas de democracia, de participación e de coartar o dereitoá libre expresión. Ésta é a nota negativa do pleno celebrado onte".

Na sesión plenaria aprobóuse por unanimidade unha proposta da alcaldía sobre as preferentes da que se dará traslado á Xunta de Galicia e aos grupos parlamentarios. Na mesma reflíctense as peticións dos afectados que, entre outras cousas, demandan que a vía arbitral siga existindo, que informen das solicitudes de arbitraxe que poida haber e que todo aquel afectado por preferentes e subordinadas que queira emprender a vía xudicial poida facelo acolléndose á xustiza gratuíta.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo