Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

SERÁ NA SEGUNDA QUINCENA DE FEBREIRO

Manifestación en Santiago

21/12/2012

A comisión pro residencia da terceira idade en Ribadeo acordou convocar unha manifestación na segunda quincena do mes de febreiro en Santiago diante da Xunta de Galicia. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "Ribadeo non quere ser máis que ninguén, pero tampouco vai ser menos que ninguén".

O rexedor dixo que "se ben é certo que antes das eleccións autonómicas acordamos suspender o tipo de accións reivindicativas para que o novo goberno, fora o que fose, puidera volver retomar este tema e este compromiso, unha vez escollido o novo goberno e os conselleiros e conselleiras do novo goberno volvémonos dirixir estes días á titular de Traballo e Benestar. A ela demandámoslle o compromiso que no seu momento nos deran de que polo menos nos ían recibir. A contestación non foi satisfactoria e entón acordamos entre todos e de maneira unánime, algo moi importante porque todos os membros desta comisión somos duns grupos ou doutros, facer unha concentración en Santiago diante da Xunta para a segunda quincena do mes de febreiro". Suárez Barcia explicou que "non temos concretado un día, será un luns, porque deberá ser un día laborable e queremos que acuda o maior número de xente posible. O luns é un bó día porque o comercio pecha en Ribadeo e iso posibilitará que máis persoas poidan achegarse a Compostela".

O alcalde sinalou que "as circunstancias que levaron a que prácticamente 1.000 persoas se manifestaran hai meses en Ribadeo para pedir unha nova residencia non foi un asunto que fose decaendo, senón que cada día é mais grave porque cada vez temos máis xente maior e cada vez temos menos nenos. A idea dunha nova residencia en Ribadeo segue, aínda que xa temos unha, pero é pequena e aínda que funciona moi ben non cubre as expectativas nin a demanda de tanta xente que a día hoxe se ten que acabar indo a residencias lonxanas como Quiroga, como Xove, etc. Ribadeo non quere ser máis que ninguén, pero tampouco vai ser menos que ninguén".

Fernando Suárez recalcou "a unanimidade de todos os grupos da Corporación de Ribadeo para facer esta acción reivindicativa xa de certo calado".  

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo