Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

HABERÁ CONFERENCIAS, VISITAS GUIADAS E UNHA RECREACIÓN HISTÓRICA

Ribadeo conmemora o bicentenario da batalla da Ponte de Arante

28/01/2009

Ribadeo acollerá os días 4, 6 e 9 de febreiro un ciclo de conferencias para conmemorar o bicentenario da batalla na que os veciños de sete parroquias de Trabada e de Ribadeo o 29 de xaneiro de 1809 derrotaron a un destacamento de franceses. Concello de Ribadeo e Fundación Comarcal Mariña Oriental organizaron estas xornadas. Tamén haberá visitas guiadas para os escolares de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova do 9 ao 13 de febreiro e xa para xuño está prevista unha recreación histórica da batalla.

A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, asegurou que "non podíamos deixar pasar esta data histórica para o noso Concello. É algo que forma parte da nosa historia local e pensamos que é básico e fundamental que tanto os nosos maiores recorden e rememoren esta data, pero tamén e sobre todo as xeracións máis novas".

As conferencias A Ponte de Arante na encrucillada da historia vánse desenvolver ás 20:30 horas no salón de actos da Casa do Mar con entrada libre. A edil nacionalista explicou os aspectos que se analizarán "o día 4 o profesor Juan Ramón Fernández Pacios analizará a Ponte de Arante no Camiño do Norte… o significado, a importancia que tivo nesta ruta e o que foi a capela de Arante nesa época da historia. O 6 de febreiro, Xosé Ramón Veiga Alonso falará da guerra da Independencia na antiga provincia de Mondoñedo para situar un pouco o contexto histórico no que se produciu esa batalla e como se desenvolveu no noso concello. E o 9 de febreiro, Rosa C.Barreiro analizará a pintura galega na edade moderna e sobre todo as pinturas que hai na capela das Virtudes de Arante. Pensamos que son tres aspectos importantes os que se van analizar tendo en conta a raíz de todo esto. Hai que lembrar que todos os anos conmemórase a Festa das Cruces a onde acuden moitos veciños de Ribadeo e dos concellos limítrofes que participan nestas celebracións do primeiro de xuño".

O Concello tamén organiza "para completar este feito histórico cunha serie de visitas guiadas a Arante que desde o Concello de Ribadeo lles ofertamos aos centros de ensino de Trabada, Barreiros, A Pontenova e Ribadeo. Estas visitas serán do 9 ao 13 de febreiro e nelas os escolares van ir á capela a coñecer as pinturas e un pouco da historia de Arante. Temos que agradecerlles a acollida amosada porque temos cubertas as visitas de todos os días", seguiu a contar Mariluz Álvarez Lastra. Tamén se fixo a reedición de 3.000 exemplares do libro "que no seu momento o profesor Emilio Piñeiroa do Instituto Gamallo Fierros fixera cos seus alumnos e no que se poñía en valor a capela das Virtudes de Arante. Eses exemplares vánse repartir entre os rapaces que acudan ás visitas guiadas e entre as persoas que vaian ás conferencias. O meu agradecimento a este profesor porque foi él o artífice dese libro e porque participou activamente na organización destas xornadas e nesta proposta cultural que facemos en Ribadeo".

Mariluz Álvarez Lastra anuncia que "estamos traballando para poder facer este ano unha recreación histórica da batalla de Arante. Estamos en contacto coas Asociacións Napoleónicas que fan a recreación da batalla de Elviña na Coruña e agardamos que en xuño poidamos ter a nosa recreación en Arante para que despois sexan os veciós os que fagan estes actos de celebración".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo