Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

A SÚA TOXICIDADE É ALTA, SEGUNDO O CONCELLO

Medusas no Cargadeiro e Rocas Brancas

06/09/2012

A presenza de medusas nos areais ribadenses obrigou a prohibir o baño de novo esta mañá. Os bandeiras vermellas están colocadas nas praias de As Catedrais, As Illas/Castros e Esteiro, segundo confirmaba o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro. Tamén foron detectadas medusas nas últimas horas nos areais do Cargadeiro e de Rocas Brancas.

O edil nacionalista dixo que "nos últimos días apareceu nas nosas praias unha alta cantidade de medusas. Trátase das chamadas clavel e carabela portuguesa. A primeira ten unha alta toxicidade, é de cor rosado e forma semiesférica, duns 15 centímetros de diámetro e cuns tentáculos bastante longos aproximadamente duns vinte metros, de aí a súa perigosidade". E seguiu a relatar que "a carabela portuguesa xa a vimos noutras ocasións, ten un flotador cheo de gas, é de cor violáceo transparente e ten unha cresta ou vela que nos serve para detectala a flote, e despois ten uns tentáculos que tamén poden chegar aos 20 metros. O flotador da carabela portuguesa ten uns uns 15 centímetros de largo e 10 de ancho".

Horacio Cupeiro indicou que "ao seren medusas de alta toxicidade o que fixemos foi colocar a bandeira vermella nos nosos areais para alertar aos usuarios de que non se bañen por precaución. Solicitámoslles que lles fagan caso aos socorristas para evitar problemas. Segundo me confirmaron eles hai moitas menos que onte, pero ao haber unha forte oleaxe neste día e ao estar auga turba non se pode apreciar a cantidade real de medusas que hai nas nosas praias".

A plaga de medusas chegada ao litoral cantábrico obrigou hai uns días a pechar varios areais no Occidente asturiano.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo