Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto taxi turistico

SEGUEN AS CAMPAÑAS DE PROMOCIÓN DA VILA

Taxi turístico

13/07/2012

Hoxe presentóuse o "Taxi turístico" de Ribadeo, un novo xeito de coñecer a vila e a súa contorna. Trátase dunha iniciativa do Concello e da Asociación de Profesionais do Autotaxi Ponte dos Santos. O servizo ofrecerá tes rutas para coñecer Ribadeo, A Mariña de Lugo e o Occidente asturiano.  

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "si desde hai tres anos está a funcionar o bus que vai ás praias, si hai uns días poñiamos en marcha un bus turístico agora, con outras rutas e outros itinerarios diferentes, queremos poñer a andar outra iniciativa. Xunto coa Asociación de Taxis de Ribadeo nace o Taxi turístico, outro xeito de coñecer a vila e os seus arredores, tanto na parte galega coma no Occidente asturiano".

O Taxi turístico ofrecerá tres rutas aos visitantes. Ribadeo e a súa costa: ruta patrimonial e paisaxística que os levará a coñecer a historia e os lugares máis emblemáticos de Ribadeo. A duración aproximada desta viaxe é de preto de dúas horas. A ruta do ferro: vai desde Ribadeo ata a comarca asturiana dos Oscos. Unha viaxe que os transportará a tempos remotos onte o ferro era un dos motores da vida neste territorio. A duración estará entre as catro e as catro horas e media. E a terceira ruta é A Mariña monumental: do oriente ao centro da comarca, os visitantes farán un percorrido polo patrimonio e a súa historia con vestixios románicos, góticos e medievais, entre outros. A duración nesta caso é de catro horas e media a cinco. O prezo do taxi por ruta oscilará entre os 25 e os 85 euros. Os interesados en obter máis información poden dirixirse ao seguinte número de teléfono: 982 128 111.

O rexedor sinalou que "estánse a importar unha serie de actividades, de rutas e de diseños turísticos que xa se están aplicando noutras poboacións e agora tratamos de botar unha man a este sector nun momento complexo e complicado. Sen dúbida Ribadeo, a pesares de que non teñamos o consumo doutros anos, segue a ser destino preferente e obligado de milleiros e milleiros de persoas, que poden vir en vehículo privado ou en transporte público, e que así teñan o aliciente para seguir empregando o transporte público, o bus ou o taxi, para desprazarse por Ribadeo e pola comarca podendo ver lugares de interés turístico".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo